Neste post falo acerca dos procesos básicos da sexualidade (para comprender un pouco mellor que os procesos básicos marcarán, na infancia, o noso futuro en canto á afectividade) e os obxectivos que se buscan coa educ. afectivo-sexual (para mostrar as finalidades que se pretenden e a importancia da súa valoración na escola e familia).
Cales son os procesos básicos que condicionan a sexualidade?
- Procesos de vinculación afectiva
É preciso que @s cativ@s se vinculen de maneira incondicional a algunhas persoas, con quen terán una relación que os fará sentir seguros, coidados,…
Isto marcará:
1. A confianza que establecerán con amigos, familia e demais entorno.
Se os procesos de vinculación foron os adecuados, o rapaz/a terá autoestima, seguridade en si, capacidade de querer,…
Se os procesos non foron adecuados, o rapaz/a sentirase inseguro nas relacións, desconfiará,…
2. A capacidade de comunicarse emocionalmente. Se a persoa non ten uns pais que o axuden neste proceso, terá medo a afianzar as relación polo seu medo ó abandono e será insegura.
Unha boa relación pais-fillos (con pais que demostraron querelos, que os acariciaron, xogaron con eles,…) sen información dos adultos ós rapaces sobre sexualidade pode ser mellor que ó contrario (moita teoría pero ningunha demostración de cariño), pois os nen@s serán capaces de mostrar afecto, querer ou quererse tal como con eles fixeron. Porén tamén é necesaria a información.
- Adquisición da identidade sexual e rol de xénero
A identidade de xénero é o coñecemento de que se é home ou muller.
O rol de xénero son as características asignadas pola sociedade como propias de muller ou de home (forma de vestir, maneira de comportarse,…)
Aínda que @s cativ@s saben con certeza se son neno ou nena, ata os cinco ou sete anos non adquiren a permanencia da súa identidade.
Porén, dende os dous anos a identidade e o rol convértense nun esquema que condiciona recordos, maneiras de actuar,… toda a realidade que os rodea é sexuada e el@s actuarán dun xeito ou outro atendendo ó esquema de xénero aprendido.
Debemos axudalos a distinguir as diferenzas entre uns e outros, pero véndoas como algo enriquecedor; sen fomentar o sexismo ou os estereotipos. Non debemos rifarlles ós nenos por querer xogar coas bonecas, por exemplo, pois “bonecas-nenas” é algo asignado pola sociedade e non lles suporá problemas de identidade nin similares.
Cales son os obxectivos básicos da educación afectivo-sexual?
A educación afectivo-sexual comprende o desenvolvemento das nenas e os nenos como seres sexuados de maneira libre, sa e responsable.
Os seus obxectivos son:
- Coñecer, aceptar e coidar o propio corpo.
- Recoñecer e valorar a diferenza sexual.
- Vivir e expresar a sexualidade en relación, é dicir, tendo en conta ao outro ou á outra.
- Apreciar a sexualidade e a afectividade como unha forma de comunicación.
- Recoñecerse como nena ou neno, asumindo positivamente a súa identidade sexual, libre de elementos de xénero discriminatorios.
- Actuar con naturalidade ante os temas sexuais, participando no diálogo sobre estes temas na escola e a familia e desenvolvendo un vocabulario preciso e non discriminatorio.
- Coñecer e utilizar algunhas normas básicas de coidado persoal e
convivencia baseadas na igualdade, o respecto e a responsabilidade.
"Se se acepta que a sexualidade é algo que somos e que nos constitúe como seres humanos, entón é fácil aceptar que a educación sexual é fundamental e básica para o desenvolvemento dunha nena ou un neno."
Ciclo: 1º e 2º ciclo de Ed.Infantil
Área de coñecemento: coñecemento de si mesmo e autonomía persoal; linguaxes: comunicación e representación.
Bloque de contidos: identidade e propia imaxe.
Criterios de avaliación: construír unha imaxe positiva propia e aceptar a súa identidade manifestando confianza nas súas posibilidades e recoñecendo as súas limitacións.
Fontes de información: adaptado de “La educación sexual de la primera infancia”, “Educación afectivo sexual en la Educación Infantil”, lexislación da Ed. Inf. En Galicia (Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia).
Espero os vosos comentarios! Un saúdo
Paula Pérez Martín